Sobre min

FORMACIÓN

O meu nome é Paula, vivo en Vigo e son tradutora especializada en francés. A miña paixón polos idiomas, a miña curiosidade por diferentes culturas e a gran oportunidade que tiven de poder estudar uns meses nun instituto en Francia cando tiña 15 anos, fixeron que quixese formarme en tradución de francés. E así foi! 

En 2018 finalicei o Grao en Tradución e Interpretación Francés-Español e decidín especializarme en tradución para o comercio internacional co Máster Universitario en Tradución para a Comunicación Internacional da Universidade de Vigo. Á súa vez, como sempre me gustaron os videoxogos, quixen formarme na localización de videoxogos e foi posible grazas á primeira promoción do Título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, tamén da Universidade de Vigo.

Hoxe en día, sigo formándome e estudando.

Desde hai anos, atráeme moito o Xapón, a súa cultura e o entretemento que forma parte dela, en especial o manga e o anime. Por iso, en 2016 comecei a estudar xaponés na Escola Oficial de Idiomas de Vigo e este ano aprobei o JLPT N3 da Fundación Xapón.

MÉTODO DE TRABALLO

No que respecta ao meu método de traballo, sempre realizo un labor de investigación exhaustiva antes de comezar co encargo. Por suposto, sempre teño en conta os diferentes factores que forman parte do proceso da tradución, tales como o contexto, a cultura da lingua meta ou o público ao que se dirixe.

O obxectivo principal do meu traballo é trasladar a información da maneira máis adecuada posible á lingua meta solicitada, para conseguir que o destinatario a comprenda á perfección.

Cada encargo é único: se che interesa o meu traballo, encantaríame falar contigo para poder ampliarche a información que desexes (sen compromiso algún!).